ENCONTRO | FANZINES, CAMIÑOS DE IDA E VOLTA | VARIAS ARTISTAS

Zona C. Punto de información cultural
DATOS BÁSICOS

[MULLERES EN CADRIÑOS | ACTIVIDADES PARALELAS  #PUNCTUM]

A sesión Fanzines, camiños de ida e volta, une a Maru Astray, Julia Lago, Uxía Larrosa, Bea Lema, Xulia Pisón e Pepa Prieto na Zona C para conversar sobre a autoedición e o fanzine, o lugar onde sempre volven e dende o que desenvolven a súa creatividade.

Os seus traballos transitan na banda deseñada, a animación, a pintura ou a ilustración en carreiros que conectan estas disciplinas coas creacións feitas nas marxes. Unha transversalidade da que darán conta estas fanzineiras nun encontro aberto ao público moderado por Neves Rodríguez, directora do programa de actividades que completa a experiencia de visitar a exposición #Punctum. Beliscos de BD na arte contemporánea galega na que estas creadoras participan.

É o primeiro de catro encontros dirixidos ao público familiarizado co mundo da BD e da gráfica fanzineira como para todas aquelas persoas que queiran comezar a descubrilo.

PODCAST: Durante o encontro gravarase un capítulo efémero de “Metrópoles Delirantes” podcast que durante anos foi referencia en Galicia por ser o primeiro en falar de banda deseñada en galego.

O documento sónoro quedará dispoñible para consulta no arquivo de metrópoles delirantes

Maru Astray (Santiago de Compostela, 1994) Fanzineira, artista plástica e ilustradora. Estudou Ilustración na EASD Pablo Picasso da Coruña e o Mestrado de Deseño Gráfico da Escola Superior de Deseño de Barcelona EsDesign. Os seus traballos teñen unha marcada influencia do lowbrow (surrealismo pop) cunha paleta de cores moi recoñecible. Utiliza como medio o papel, o lenzo e a experimentación con materiais como o vidro. As súas obras tomaron parte en exposicións colectivas no Museo Reina Sofía de Madrid e foron expostas en galerías como a Galería Maraca de Vigo.

Julia Lago (A Coruña, 1994) Artista de cómic e ilustradora. É graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e mestrada en Ilustración e Deseño pola Universidade Politécnica de Valencia. A súa arte constrúese mediante un xesto desenfadado e unha utilización da cor que marca o carácter de cada peza. Julia foi merecedora das Ayudas Injuve para la Creación Joven. O seu libro Nós seis foi galardoado co Premio Castelao de banda deseñada da Deputación da Coruña. O seu traballo exhibiuse en institucións como o Museo Reina Sofía, a Sala Salvador de Madariaga da Coruña, a Casa Museo Picasso ou a Sala Manuel Moldes da UVigo.

Bea Lema (A Coruña, 1985). Artista de cómic, ilustradora e artista de animación.  As súas obras abordan desde a autorreferencia a temas relacionados co trauma, as relacións familiares, a enfermidade mental, a relixión e os ritos populares. Exerce a súa arte tendo o debuxo, o bordado e a animación como soportes e medios de expresión. En 2017 recibe o XII Premio de Cómic Castelao da Deputación da Coruña por O Corpo de Cristo, un proxecto autobiográfico que trata a enfermidade mental dende a perspectiva dunha nena. E, en 2022 é seleccionada para realizar a residencia de novela gráfica na Maison des Auteurs de Angoulême (Francia). O resultado desa residencia é un libro publicado en Francia pola editorial Sarbacane baixo o título Deas maux à dire, e en España por Astiberri baixo o título El cuerpo de Cristo. Este traballo foi Premio do Público do Festival de Angoulême, finalista do Premio ACDCómico de autora emerxente e Premio do Xurado do Festival BD en Périgord.

Uxía Larrosa (A Coruña, 1993) Artista de BD e historietista. Estudou Belas Artes na Universidade de Barcelona con especialidade en gravado. Realizou estudos no Centro de Estampa Contemporánea de Betanzos e cursou o Mestrado en Estudos de Cine e Audiovisual Contemporáneo da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. Posúe unha enorme forza narrativa na que a economía de medios é utilizada como unha ferramenta simbólica máis á hora de darlle forma ao seu particular imaxinario artístico. A pesar da súa mocidade foi gañadora do concurso de cómic Reckalde-Ortzadar, do certame de banda deseñada Xuventude Crea da Xunta de Galicia en 2018 e, xunto a Luis Yang, do Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña 2022.

Xulia Pisón (A Coruña, 1985) Artista de BD e ilustradora cursou estudos de ilustración na EASD Pablo Picasso da Coruña. Foi a gañadora do certame de banda deseñada Xuventude Crea da Xunta de Galicia na súa edición do 2015. Premio extraordinario en ensinanzas artísticas profesionais na modalidade de Artes Plásticas da Xunta de Galicia 2017-2018. Dende 2015, Xulia é unha das artistas de BD máis prolíficas da nosa comunidade, editando traballos para Alita Comics, Demo editorial, Edicións Xerais, Universidade da Coruña, Amnistía internacional ou Salvat.

Pepa Prieto Puy (Santiago de Compostela, 1989) Artista referente dentro do panorama galego e nacional da BD. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo a súa traxectoria comeza nos festivais de autoedición galegos da man do fanzine colectivo Firecream. Os seus traballos foron publicados por editoriais como Tik Tok, Fosfatina e RV papers, e acadaron a atención de publicacións de sona internacional como o New York Times e The New Yorker.

 #Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega permanece aberta no Auditorio de Galicia até o 16 de xuño

 

Entradas: 
  • Todos os públicos
  • Entrada de balde até límite de capacidade
Funcións: 
Sábado, 20 Abril, 2024
12:00 a 13:30
Zona C. Punto de información cultural